Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO IMPULSA A FORMACIÓN SOCIOSANITARIA CUN CURSO GRATUÍTO DE ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENCENCIA

- Impartirase entre os días 6 e 10 de xullo en horario de mañá e hai dispoñibles quince prazas

- As inscricións poden realizarse nas oficinas de Servizos Sociais, por teléfono ou correo electrónico

 

Valga,17 de xuño de 2026.

O departamento municipal de Servizos Sociais organiza un curso gratuíto de “Atención a persoas en situación de dependencia”, unha formación teórico-práctica que ten como finalidade dotar aos participantes dos coñecementos, habilidades e competencias imprescindibles para facilitar a súa inserción laboral nun sector cunha demanda crecente, como é o das empresas de servizos asistenciais e as entidades do terceiro sector que prestan atención en materia de servizos sociais.

A actividade, de carácter presencial, contará cunha duración total de 20 horas estruturadas en catro sesións. As clases desenvolveranse nas instalacións do Auditorio Municipal e, ao finalizar a formación, os participantes obterán un diploma acreditativo expedido polo propio Concello de Valga.

A coordinación xeral do programa estará a cargo de Francisco Javier Gómez González, traballador social do Concello, graduado en Traballo Social e docente acreditado de formación profesional para o emprego. Co obxectivo de ofrecer unha visión integral e multidisciplinar, a docencia será compartida con profesionais especializados do Centro de Día e do Centro de Saúde de Valga, quen achegarán a súa experiencia directa no eido sociosanitario.

O curso consta de tres módulos:

Módulo 1: Marco normativo e rol profesional: Impartido polo traballador social Francisco Javier Gómez, abordará unha introdución detallada á Lei de Dependencia, as pautas de funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como aspectos esenciais de ética profesional e habilidades sociais aplicadas.

Módulo 2: O traballo práctico no domicilio: Desenvolvido por persoal do Centro de Día de Valga, incidirá en técnicas esenciais de mobilización e ergonomía, hábitos de hixiene, aseo, alimentación e ferramentas eficientes para a organización do fogar.

Módulo 3: Primeiros Auxilios: A cargo do persoal do Centro de Saúde de Valga, capacitará ao alumnado en soporte vital básico, xestión e uso correcto do botiquín, e atención ante as feridas e lesións máis comúns.

O curso impartirase entre os días 6 e 10 de xullo, en horario de mañá de 9:30 a 13:30 horas. As prazas están limitadas a un máximo de 15 participantes, tendo prioridade persoas que se atopen en situación de desemprego e que estean empadroadas en Valga.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 2 de xullo para formalizar a súa inscrición. O trámite pode realizarse de xeito presencial nas oficinas do departamento municipal de Servizos Sociais, a través do teléfono 986 55 94 56 ou enviando os seus datos ao enderezo electrónico Aquesta adreça de correu-e està protegida dels robots de spam.Necessites Javascript habilitat per veure-la..

CursoAtenciónDependentes1