Accessibility Tools

Todas

O AUDITORIO ABRE AS PORTAS Á EXPOSICIÓN “INFANCIA CREA”, O DEBUT ARTÍSTICO DOS MÁIS CATIVOS DO MUNICIPIO

- As obras foron realizadas por alumnos do CRA e do colexio Ferro Couselo na actividade extraescolar de pintura

- O alcalde participou no acto inaugural e destacou o gran potencial artístico das novas xeracións de valgueses

InfanciaCrea1

Valga, 16 de febreiro de 2026.

A creatividade e espontaneidade das novas xeracións de valgueses refléxase na exposición “Infancia Crea”, que onte se inaugurou no Auditorio Municipal e que recolle obras realizadas polos alumnos do CRA de Valga e do colexio Xesús Ferro Couselo na actividade extraescolar de pintura, promovida polas ANPAs dos dous centros.

Estes pequenos artistas, de entre 4 e 12 anos, están a dar os seus primeiros pasos co pincel e esta mostra deixa claro que o talento non entende de idades. Nos cadros expostos reflíctense algunhas das inquedanzas propias da nenez, pero tamén un sorprendente potencial que poderán seguir perfeccionando en próximos cursos da man da artista local Ángeles Garrido, encargada de guialos nesta aventura creativa.

A mestra destaca “a mirada limpa e sen prexuízos” que transmiten estes cativos sobre a realidade que os rodea. “Son supernaturais, frescos e non están supeditados a ningún modelo, senón que van por libre” e iso deixa pegada nas súas obras. Os seus personaxes de manga ou ánime favoritos, escenas da vida cotiá, as súas mascotas ou retratos da familia son algunhas das temáticas recorrentes nos seus cadros.

Para moitos deles esta é súa primeira toma de contacto con esta actividade, pero “o que está claro é que se veñen a pintura é porque lles gusta”, sinala Ángeles Garrido, que asegura que hai canteira: “Algúns xa apuntan maneiras dende ben pequenos e, entre os maiores, temos auténticos artistas en potencia”.

O acto de inauguración contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna, que acompañaron aos representantes das ANPAs, pais e outros achegados dos cativos.

O rexedor felicitou aos rapaces polo gran traballo desenvolvido ao longo do curso e remarcou que este tipo de iniciativas contribúen á formación integral dos nenos, fomentan valores coma o compañeirismo e alimentan a súa imaxinación. Por iso, animounos a continuar con esta afección “que tanto vos aporta”.

Finalmente, Bello Maneiro tamén trasladou os parabéns ás asociacións de pais e alumnos por promover esta actividade, contribuíndo así a espertar a sensibilidade artística entre a mocidade.

InfanciaCrea2 InfanciaCrea3