Accessibility Tools

Todas

A RÚA ALCALDE CELESTINO CARBIA ESTREARASE O VINDEIRO 4 DE XULLO CUN ACTO AO QUE ASISTIRÁN A SÚA FILLA E OUTROS DESCENDENTES

- O recoñecemento foi aprobado por unanimidade da Corporación no Pleno do mes de abril, a iniciativa do grupo de goberno

- Como rexedor e promotor do Sindicato Agrícola de Cordeiro promoveu obras e accións que melloraron o benestar dos valgueses

CalleBaixa

Valga, 11 de xuño de 2026.

O Concello de Valga oficializará o vindeiro 4 de xullo o recoñecemento á figura de Celestino Carbia Campaña, que foi alcalde do municipio nos períodos de 1931-1933 e en 1936. Neste acto institucional, a actual Calle Baixa -que parte dende a Casa do Concello e avanza ata o Parque Irmáns Dios Mosquera- pasará a denominarse Rúa Alcalde Celestino Carbia Campaña.

O acto de estrea, no que se descubrirá a placa co nome do exalcalde valgués, contará coa asistencia da única filla con vida de Celestino Carbia, Elvira Carbia, á que acompañarán outros familiares e descendentes.

Esta homenaxe responde ao acordo adoptado pola Corporación no Pleno celebrado o 24 de abril, cando se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo de goberno . De profesión labrador, nos seus anos como alcalde Carbia Campaña levou a cabo unha serie de accións encamiñadas ao benestar do pobo. Por exemplo, a mellora das redes de comunicación ou estruturas que facilitasen aos veciños o coidado dos animais, xa que daquela a agricultura e a gandería eran a principal economía de Valga. Ademais, conseguiu financiamento para a construción dun cuartel para a Benemérita no municipio.

Á marxe da súa traxectoria como alcalde, Celestino Carbia foi un dos promotores do Sindicato Agrícola de Cordeiro, entidade da que tamén foi presidente e a través da que se promoveron importantes obras para a parroquia contando con fondos da emigración valguesa en Arxentina e noutros países de América Latina: a escola de Ferreirós, que aínda hoxe mantén a súa actividade educativa; o local social do Sindicato e escola de mulleres (o actual Teleclub); o campo da festa de Cordeiro e a súa fonte de auga.

Tralo golpe de Estado de 1936, Carbia foi detido e fusilado. Recentemente o Goberno de España vén de declarar nula a condena ditada no seu día, ao considerar ilexítimo o tribunal que o xulgou, recoñecendo que padeceu persecución e violencia por razóns políticas e ideolóxicas durante a Guerra Civil.

CelestinoCarbiaCampaña