- Os aprendices de carpintería e forestais participaron nun módulo impartido polo técnico do CIM de Valga, Sergio Muñiz
- Nas sesións abodáronse a corresponsabilidade, a conciliación e os recursos institucionais fronte á discriminación no mercado laboral

Valga, 23 de novembro de 2026.
Os vinte alumnos participantes no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia para adquirir competencias nos oficios de carpintería e traballos forestais recibiron nos últimos días a formación complementaria en materia de igualdade, un módulo cunha duración total de 10 horas. As sesións foron impartidas por Sergio Muñiz, técnico do Centro de Información á Muller (CIM) de Valga e Moraña.
O obxectivo principal deste módulo foi dotar o alumnado de ferramentas para comprender que é a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, fomentando a súa contribución ao desenvolvemento social mediante o acceso en igualdade de condicións ao mercado laboral, con especial atención á conciliación e á corresponsabilidade.
Así mesmo, durante a formación abordáronse os diferentes plans e políticas institucionais destinados á loita contra a discriminación laboral. O programa tamén serviu para afondar na concienciación sobre o problema social da violencia de xénero, dando a coñecer os recursos existentes, así como os programas e medidas preventivas dispoñibles para actuar fronte a esta lacra.
Con esta actividade transversal, o Obradoiro de Emprego Ulla-Umia reforza a preparación integral do alumnado, combinando a aprendizaxe técnica en sectores tradicionalmente masculinizados coa sensibilización en valores de equidade e inclusión profesional.

ES
EN