- Participaron en demostracións con rozadoras teledirixidas e de corta en altura
- Tamén estableceron os primeiros contactos con empresas, importante para a súa futura inserción laboral

Valga, 3 de xullo de 2026.
O alumnado da especialidade de traballos forestais do Obradoiro de Emprego Ulla Umia II participou nunha visita formativa á Feira Internacional Galiforest, celebrada en Sergude (Boqueixón).
Esta actividade enmárcase dentro do plan de estudos do Obradoiro, co obxectivo de que os futuros profesionais complementen a súa formación teórica e práctica cunha visión directa e actualizada do mercado laboral e do sector, e que isto facilite a súa futura inserción profesional.
O grupo de dez aprendices estivo acompañado polo experto docente deste módulo e pola directora do programa formativo.
Durante a xornada, os alumnos puideron coñecer os diferentes tipos de maquinaria forestal (motoserras, procesadoras, etc.) e as súas prestacións, comprobando con probas reais o seu funcionamento, os usos específicos e resultados. Por exemplo, demostracións de corte en altura, de acondicionamento de terreos con rozadoras teledirixidas e tallas artísticas elaboradas con motoserra, entre outras.
Esta experiencia permitiralles apoiar e consolidar a aprendizaxe doutros contidos dos diferentes módulos formativos do Obradoiro de Emprego e, ademais, serviulles para manter os primeiros contactos con empresas do sector, importantes de cara a unha futura inserción.
Dende a dirección do obradoiro destacan que a xornada despertou un gran interese entre o alumnado, que se amosou participativo e curioso por descubrir as tendencias que están a definir o sector forestal en Galicia.
ES
EN