- Estas datas, nas que se celebran as festividades de Santa Ana e San Roque, foron acordadas onte polo Pleno
- Tamén se aprobou unha moción para a posta en valor do peto de ánimas do Pino
Valga, 3 de xullo de 2026.
A Corporación municipal reuniuse onte nun Pleno ordinario para aprobar os festivos locais do vindeiro ano 2027. Os luns 26 de xullo (festividade de Santa Ana) e o 16 de agosto (San Roque) foi a proposta que se debateu na sesión e que foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e do PSOE e a abstención do BNG.
Tamén foi aprobada, por unanimidade, a moción presentada polo grupo municipal do BNG propoñendo a restauración integral do peto de ánimas existente no lugar do Pino. O alcalde, José María Bello Maneiro, explicou que o proxecto de mellora de seguridade viaria na intersección existente no quilómetro 89,400 da N-550 inclúe a posta en valor deste peto de ánimas, situado xusto á beira desta estrada. Este proxecto está aprobado polo Goberno Central dende o ano 2017 “e seguimos realizando xestións para que o executen canto antes”.
O terceiro punto da orde do día que se tratou na sesión foi a aprobación dunha enmenda presentada pola Consellería de Emprego ao convenio colectivo do persoal laboral do Concello para incluír unha táboa retributiva, que xa foi aprobada pola comisión negociadora. O alcalde remarcou que este convenio, que regula as condicións do persoal laboral ao servizo da administración local, foi aprobado no seu día coa unanimidade das organizacións sindicais CSIF, CCOO, CIG e UGT.
ES
EN