
O Concello de Valga súmase, un ano máis, á conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data que nos convoca a alzar a voz e recordar que a igualdade, a liberdade e a seguridade das mulleres son dereitos fundamentais que debemos defender todos os días.
Hoxe lembramos a todas as mulleres vítimas da ciolencia machista. Ás que perderon a vida, pero tamén ás que viven sometidas ao maltrato, así como ás súas fillas e fillos, que sofren as consecuencias dunha violencia que deixa feridas profundas. Lembramos, igualmente, ás familias e ás persoas que acompañan ás vítimas e expresamos a nosa solidariedade e apoio a todas elas.
A violencia machista continúa sendo unha realidade que non podemos ignorar. Os datos evidencia que, malia aos avances conquistados, queda moito camiño por percorrer. En España, este ano contabilízanse 47 mulleres asesinadas por violencia de xénero.
Erradicar esta violencia é unha responsabilidade colectiva. Necesitamos unha sociedade que non xustifique, non minimice e non silencia ningunha agresión; unha sociedade que non mire cara a outro lado ante comportamentos machistas. Neste compromiso, a impliación dos homes é imprescindible, contribuíndo activamente á transformación social.
Desde o Concello de Valga reafirmamos a nosa vontade de continuar traballando na prevención, na sensibilización, na protección e na atención ás vítimas, promovendo recursos e actuacións que contribúan a que ningunha muller se sinta soa e desprotexida.
Neste 25-N renovamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e coa erradicación de todas as formas de violencia machista. Alzamos a voz por todas as vítimas, por todas as mulleres e por unha sociedade na que vivir libres de violencia sexa unha realidade.

ES
EN