- O certame arrancou onte coa precata, na que o xurado realizou unha primeira selección de augardentes
- Esta tarde celebrarase no Centro de Interpretación da Caña a cata final, na que se elixirán aos gañadores

Valga, 28 de agosto de 2025.
A caña adquire protagonismo nas xornadas previas á celebración da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Onte deu comezo o Concurso Tradicional da Caña coa precata das augardentes presentadas ao concurso: un total de 39 (16 brancas, 12 de herbas e 11 tostadas), o que fai desta edición nunha das máis disputadas dos últimos anos, favorecida pola posibilidade de inscrición tanto para produtores empadroados no municipio como para quen elaborase os licores con materia prima procedente de Valga. A maior competencia ven, ademais, impulsada polo incremento nos premios en metálico para os dous primeiros clasificados de cada modalidade.
O panel de cata está formado por Ricardo Abuín Mariño, Juan Carlos García Busto, Mª Luisa Vázquez Tubío, Francisco García Carballeira e Mª Elena Cerneira Santiago, quen onte se reuniron no Centro de Interpretación da Caña do País para valorar os case corenta licores en competición.
Para avaliar a calidade das augardentes teñen en conta tanto criterios visuais coma olfactivos e gustativos. Na fase visual tense en conta a limpidez e brillo da caña, a ausencia de turbidez e de impurezas en suspensión. Nas brancas valórase a máxima transparencia, mentres que nas de herbas e tostadas valórase a estabilidade cor que van dende tons amarelados ata cobreados. Moi importante, tamén, é formación de “lágrimas” na copa ao axitala, o que indica o contido alcohólico.
Na fase olfactiva, avalíanse os aromas e fragrancias do propio bagazo ou das herbas, froitas e especias empregadas na súa elaboración, así coma a ausencia doutros recendos que indiquen unha mala destilación. Por último, en canto ao gusto, búscase a harmonía entre o calor do alcohol e os demais sabores propios de cada variedade.
Nesta xornada inicial do concurso realizouse unha primeira selección de cañas de cara á gran final desta tarde, para a que se clasificaron dez licores brancos, seis de herbas e seis tostados. De entre eles sairán os gañadores do certame, que se darán a coñecer o sábado durante os actos da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
Repartiranse 1.450 euros premios: 500 euros para a mellor caña branca, e 300 para os licores de herbas e tostado mellor valorados. Os segundos clasificados nas tres modalidades recibirán 150 euros no caso da augardente branca e 100 nas variedades de herbas e tostada.

ES
EN