- O coordinador provincial de Educación Viaria, Carlos Riveiro, impartiu no Auditorio unha charla dirixida a persoas maiores
- Ao remate do faladoiro entregáronse chalecos reflectores e material preventivo a tódolos asistentes

Valga, 18 de novembro de 2026.
O Auditorio Municipal acolleu esta mañá unha xornada sobre seguridade viaria e prevención de atropelos, especialmente dirixida ás persoas maiores. O faladoiro, organizado conxuntamente polo Concello, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra a Dirección Xeral de Tráfico, foi impartido por Carlos Riveiro, coordinador provincial de Educación Viaria da DGT.
A actividade enmarcouse nunha campaña impulsada tralo aumento alarmante de atropelos sufridos por persoas maiores a comezos deste ano, co obxectivo de achegar consellos de seguridade e pautas de prevención a este colectivo. Durante a súa intervención, o relator fixo fincapé en que a medida principal para evitar accidentes é actuar “con cabeciña".
Riveiro lembrou que, a medida que se cumpren anos, as nosas capacidades varían: a audición, a vista e a axilidade non son as mesmas en cada etapa vital, polo que resulta fundamental coñecer os nosos límites e adaptarnos a eles. O responsable provincial de Educación Viaria quixo desmitificar algunhas falsas crenzas cotiás, sinalando que "cremos que o paso de peóns nos dá dereito absoluto e non é así, non arrisquemos a nosa vida por non esperar uns segundos". Entre as recomendacións básicas explicadas aos asistentes, destacou a necesidade de observar a ambos lados antes de cruzar unha estrada e, no caso de que se achegue un vehículo, esperar sempre a que pase ou se deteña por completo.
Así mesmo, insistiu na importancia de cruzar sempre en liña recta e nunca en oblicuo, detallando os motivos técnicos e de seguridade que xustifican esta pauta. A traxectoria en diagonal alonga o traxecto de forma innecesaria, mentres que a ao cruzar en perpendicular redúcese ao mínimo o tempo de permanencia na estrada. Ademais, permite detectar mellor aos vehículos que se aproximen por ambos lados.
A sesión tivo un carácter dinámico e educativo. Proxectáronse vídeos e imaxes reais de accidentes, comentáronse slogans deseñados para a concienciación e, para concluír, fíxose entrega de material preventivo a todas as persoas asistentes. Cada participante recibiu un chaleco reflector, fundamental para gañar visibilidade na vía pública, ademais de folletos e documentación informativa sobre seguridade viaria.

ES
EN