Accessibility Tools

Todas

A POBACIÓN DE TROITAS NA LAGOA MINA MERCEDES RECUPÉRASE COA SOLTA DE 15.000 ALEVÍNS

- Os exemplares, procedentes da piscifactoría de Carballedo, teñen un tamaño de catro centrímetros

- A antiga mina de arxila está declarada como zona libre para a práctica de pesca sen morte

SoltaTroitas1

Valga, 8 de xullo de 2026.

A Mina Mercedes recibiu esta mañá 15.000 exemplares de troita, unha acción promovida polo Concello e pola Xefatura Territorial de Medio Ambiente para contribuír á repoboación da lagoa, que está declarada coma zona libre para a práctica da pesca sen morte.

Os alevíns de troita común (salmo trutta), procedentes da piscifactoría de Carballedo, situada en Cerdedo-Cotobade, teñen unha talla duns catro centímetros. A solta realizouse en varios puntos da lagoa baixo a supervisión de axentes medioambientais da Xunta e coa participación da concelleira Carmen Gómez.

A Mina Mercedes, que se localiza no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra cunha extensión de arredor de 30.000 metros cadrados. No seu día foi unha explotación de arxila a ceo aberto vencellada á actividade industrial da empresa de cerámica Novo y Sierra e, posteriormente, o Concello promoveu a súa recuperación.

Na actualidade conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e plantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat existe unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.

SoltaTroitas2 SoltaTroitas3