- O Prebenxamín A, Benxamín A, Xuvenil A e Sénior B subiron de categoría
- O alcalde felicitounos por “poñer o nome do Cordeiro e de Valga no máis alto”

Valga, 7 de xullo de 2026.
O Salón de Plenos da Casa do Concello albergou onte á tardiña unha recepción aos equipos do Cordeiro C.F. que acadaron o ascenso na temporada que rematou fai tan só unhas semanas:
- O Sénior B, adestrado por Manuel Patiño, que se proclamou campión de Liga e acadou o ascenso a 2ª Autonómica.
- O Prebenxamín A, con Sergio Rey no banco, tamén saiu campión e ascendeu a 1º Autonómica.
- O Benxamín A, adestrado por Borja Seco, subiu a 1ª ao superar na fase de ascenso ao Victoria.
- O Xuvenil A, dirixido por Gabriel, xogará a vindeira temporada en Preferente tras gañar as dúas eliminatorias do Play Off de ascenso, nas que eliminou á UD Ourense e ao Poio CF.
Na recepción participaron o alcalde, José María Bello Maneiro; o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro; e os edís Román Castro, Carmen Gómez, Malena Isorna, José Ángel Souto, Begoña Piñeiro e Álvaro Fernández. A expedición do Cordeiro estivo encabezada polo presidente, José Ramón Seco, e integrada polos xogadores e técnicos dos catro equipos e tamén polas súas familias.
Bello Maneiro felicitounos a todos polos grandes resultados acadados e por “poñer o nome do Cordeiro e de Valga no máis alto. Foi unha temporada para enmarcar. Por primeira vez un equipo xuvenil do Cordeiro xogará en Preferente e nunca na historia do club houbo un segundo equipo sénior en Segunda rexional”, sinalou. Tampouco se esqueceu dos máis cativos dos equipos prebenxamín e benxamín, que “fixestes unha temporada espectacular, de aí este recoñecemento” que fixo extensivo a xogadores, adestradores, directiva e familias. Os integrantes de cada equipo recibiron unha bolsa con agasallos institucionais, entre eles a insignia do Concello.
Para o alcalde “é un orgullo e satisfacción” ter participado na fundación do Cordeiro C.F. e lembro tanto a súa etapa de directivo coma a de xogador, na que “algunha patada din pola banda dereita”, bromeou.
Para rematar puxo en valor o traballo que está a realizar a actual directiva e anunciou que nas vindeiras semanas darán comezo as obras de mellora das instalacións deportivas municipais, cun investimento de 1’4 millóns de euros nos campos de Campaña, Baño e no pavillón de Cordeiro.
En representación do club falou Anxo Barreiro, capitán do Sénior B, que sinalou que “é bonito” participar nestes éxitos das diferentes categorías. “Levo no club desde alevín e vivín momentos duros” polo que se amosou ledo de que na actualidade “haxa unha boa canteira que permita conseguir cousas”.
Por último, houbo unha mención especial para Lucas Sieira, de Magariños, e Saúl Busto, de Outeiriño, que son as novas fichaxes do Celta, co que xogarán a próxima temporada en categoría benxamín.

ES
EN