- O Auditorio encheuse de familias para gozar do espectáculo “Aquí hai moito ruído!”, do programa FalaRedes
- Trala actuación, celebrouse unha degustación gratuíta de produtos típicos do outono

Valga, 7 de novembro de 2026.
Fieis á súa cita de outono con Valga, Os Bolechas foron onte uns dos protagonistas da tarde de Magosto no Auditorio Municipal. Os populares personaxes creados por Pepe Carreiro e que tanto gustan aos máis cativos encheron o recinto de familias para cantar e bailar co espectáculo “Aquí hai moito ruído!”, que chegou a Valga da man do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua.
Desta volta, Os Bolechas mergulláronse no fascinante mundo da música, pero un misterioso personaxe, farto do ruído, decidiu facer desaparecer todos os sons. Un a un, os instrumentos, as voces e as cancións foron quedando en silencio e Os Bolechas, co empuxe de todo o público, emprenderon unha divertida aventura para recuperalos e facer que soar a música de novo.
Trala actuación, chegou a parte gastronómica da festa, con castañas asadas, bocadillos e chourizos con pan de balde para todas as persoas que se deron cita no Auditorio e que foron moitas. Nun ambiente inmellorable e cheo de ledicia, participaron nesta tarde de cultura, música e encontro veciñal, contribuíndo a manter viva unha da grandes tradicións do outono galego.


ES
EN