Accessibility Tools

Todas

A LINGUA GALEGA E A SÚA PROMOCIÓN, PROTAGONISTAS DA ANDAINA QUE HOXE PERCORREU VALGA

- O conselleiro de Cultura e o alcalde deron saída á marcha no Parque Irmáns Dios Mosquera

- José Campos referiuse a Valga coma “un exemplo na promoción do noso idioma”

AndainaGalega1

Valga, 17 de outubro de 2026.

Arredor de 70 persoas participaron esta maña na "Andaina galega", unha iniciativa concibida como unha xornada de reivindicación do idioma propio de Galicia. O conselleiro de Cultura, José López Campos; o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García; e o alcalde, José María Bello Maneiro, foron os encargados de dar, simbolicamente, a saída á camiñada.

Entre os participantes, ademais de veciños de Valga e concellos da contorna, atopábanse tamén algúns dos alumnos do curso de galego que se imparte dende o mes de setembro no Auditorio Municipal con asistentes de ata oito nacionalidades e orixes diversas: dende galegos que non adoitaban empregar a lingua e emigrantes retornados, ata persoas procedentes de Canarias, Brasil, Arxentina, Uruguai, Holanda, Suíza, Alemaña e Estados Unidos. Durante o encontro, o conselleiro e o alcalde puideron conversar con varios deles para coñecer de primeira man as súas historias e os motivos polos acabaron afincados en Valga ou na contorna.

O punto de inicio e remate do percorrido situouse no Parque Irmáns Dios Mosquera, onde os sendeiristas foron recibidos por unha fumareda azul e branca, as cores de Galicia. Todos os inscritos recibiron como agasallo unha camiseta cos versos que Rosalía de Castro dedicou a Valga, así como un chupa-chups que tinguía a lingua de azul, como un símbolo da defensa do idioma galego.

Nos instantes previos a saída, o conselleiro quixo salientar que “Valga é un exemplo na promoción e protección do noso idioma; un municipio que ten un dinamismo enorme e un concello acolledor. É un claro exemplo de como se ten que traballar en moitos ámbitos: no industrial, nos servizos sociais, na educación ou sanidade, pero tamén en algo tan importante como é o patrimonio cultural e a nosa lingua”. A andaina celebrada hoxe, continuou, “representa o compromiso que concellos coma o de Valga teñen co noso idioma e a implicación que tendes vós (referíndose aos participantes) para seguir transmitíndoo".

A marcha completou un traxecto total de 7 quilómetros. Ao saír do Parque Irmáns Dios Mosquera, os camiñantes avanzaron pola senda do Carballiño ata alcanzar a Mina Mercedes. A ruta continuou pola parroquia de Campaña, pasando pola igrexa parroquial e pola ponte do Souto, e dirixiuse despois cara o CODI, onde se deu lectura a textos en galego e se creou un mural dedicado á lingua.

Ao longo de todo o itinerario, os participantes atopáronse con fragmentos de obras dalgúns dos autores máis sobranceiros da literatura galega, transformando a camiñada nunha experiencia cultural ao aire libre.

AndainaGalega2 AndainaGalega3