- Os inscritos son Pardal, Caprichos, Maneiro, Potel, Pontellón, Juan, A Charca, Pirata, Couceiro, Xa Bou, Auditorio, Comparada e Alba
- A cita gastronómica desenvolverase nas dúas últimas fins de semana de agosto

Valga, 4 de agosto de 2026.
A loita polo premio ao mellor petisco de anguía estará este ano máis disputada que nunca. A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” dá un pulo na súa décimo terceira edición chegando a trece establecementos de hostalería participantes, a cifra máis alta dos últimos anos, o que demostra que se trata dunha iniciativa consolidada entre o sector e, ademais, entre a veciñanza e visitantes que teñen as últimas semanas de agosto marcadas como época para degustar a anguía en diferentes elaboracións.
Os locais participantes nesta cita gastronómica, que forma parte da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, son: Bar Pardal, Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Café-Bar Pontellón, Bar Juan, Restaurante A Charca, Café-Pub Pirata, Café-Bar Couceiro, Café-Bar Xa Bou, Cafetería Auditorio, Casa Comparada e Bar Alba.
A ruta celebrarase durante as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. O apartado de concurso terá lugar os días 22 e 23. O público decidirá cos seus votos cales son as mellores tapas e, polo tanto, os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todas as persoas que participen na elección das mellores tapas sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
Mantense, ademais, o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará na Festa da Anguía do vindeiro ano 2027.
Na seguinte fin de semana (días 29 e 30 de agosto) tan só haberá degustación.
Os petiscos serviranse de xeito gratuíto coas consumicións os sábados en horario de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00 horas.
Esta iniciativa trata de promocionar un dos produtos estrela da principal festa gastronómica de Valga, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio. O Concello será o encargado de facerlles chegar o peixe xa limpo para que poidan preparar os petiscos.

ES
EN