Accessibility Tools

Todas

A CONCELLEIRA MALENA ISORNA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DA “INCHADIÑA BRANCA VELA”, QUE SE CELEBRA ESTE SÁBADO EN HOMENAXE A ROSALÍA

- Vilarello será punto de encontro dunhas trinta embarcacións tradicionais, que navegarán polo Ulla e o Sar en lembraza da escritora

- Dornas, galeóns e bucetas chegadas dende Arousa, Vigo, A Guarda ou Muros participan nesta XIII edición

PresentaciónInchadiña26

Valga, 30 de xullo de 2026.

A concelleira de Turismo, Malena Isorna, participou esta mañá na Casa de Rosalia na presentación da “Inchadiña branca vela”, a homenaxe que dende 2013 realizan as xentes do mar a Rosalía de Castro remontando os ríos Ulla e Sar en embarcacións tradicionais. A XIII edición celebrarase este sábado, 1 de agosto, con Vilarello coma un dos seus portos de referencia, no que se reunirán todas as embarcacións para emprender o traxecto ata Padrón.

A representante do Concello de Valga acompañou ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, así coma aos alcaldes de Padrón, Dodro e Rianxo. Tamén participou Natividad González, responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Angueira remarcou que “cando xurdiu esta iniciativa de homenaxear a Rosalía dende o mundo do mar e da navegación tradicional non imaxinamos chegar a esta décimo terceira edición e, ademais, moi ampliada. Se inicialmente viña só xente da Arousa coas súas dornas, agora a participación está moi diversificada con representantes da Ría de Vigo, da Guarda ou da Ría de Muros e con embarcacións diferentes: galeóns, bucetas, lanchas xeiteiras...”. En total participarán este sábado uns 30 barcos: unha decena partirán poña mañá dende Rianxo e será na área fluvial de Vilarello onde se unifiquen todas para realizar xuntas o último tramo do remonte, entre Valga e Padrón.

Esta importante participación é, para o presidente da Fundación, un reflexo da “devoción pola figura de Rosalía de Castro” por parte das xentes do mar.

Por outra parte, Anxo Angueira puxo en valor “a paisaxe marabillosa” que ofrecen os ríos Ulla, Sar e a súa confluencia: “Ao partir dende Vilarello a paisaxe que se nos mostra é estraordinaria”. Os rexedores e edís dos diferentes concellos polos que discorre a travesía apuntaron que actividades coma esta demostran que “Rosalía está moi viva” e que o patrimonio fluvial das bisbarras do Baixo Ulla e do Sar é digno de poñer en valor.

En concreto, Malena Isorna, remarcou que “para Valga é un orgullo participar nesta iniciativa e que Vilarello sexa punto de encontro de todos os participantes. Que cousa máis fermosa que lembrar a Rosalía deste xeito!”.

Inchadiña2026