Accessibility Tools

Todas

A CANTEIRA MUSICAL GALEGA BRILLOU EN VALGA DA MAN DO CERTAME PARA SOLISTAS INTERCENTROS MELÓMANO

- O tubista Samuel Serra, do Conservatorio de Ourense, foi o gañador e representará a Galicia na final nacional do concurso

- O alcalde, que asistiu a gala, animou aos concursantes a continuar os seus estudos no Centro Superior de Música de Valga

Melomanos1

Valga, 21 de novembro de 2026.

O Auditorio Municipal converteuse onte no epicentro do talento musical xuvenil galego ao acoller a fase autonómica da vixésimo quinta edición do certame Intercentros Melómano. Ao concurso concorreron un total de dez estudantes procedentes dos conservatorios profesionais de Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Arzúa, A Coruña, Carballo, Ferrol e Ourense, demostrando a súa destreza artística como solistas con obras de libre elección e instrumentos como a trompeta, o saxofón, o clarinete, o violonchelo, o piano, o bombardino e a tuba.

Tralas audicións, ás que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a directora xeral de Formación Profesional, Mª Eugenia Pérez, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio ao tubista Samuel Serra Chouza, do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, que será o encargado de representar a Galicia na gran final nacional que se celebrará en decembro en Alacante.

O palmarés da xornada completouse co segundo premio para o violonchelista Alexandre Ferreira López, do Conservatorio da Coruña; e o terceiro recaeu na pianista Paula Seoane Otero, do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol.

Durante o acto, o rexedor, José María Bello Maneiro, quixo darlles a benvida a todos os participantes e aproveitou a ocasión para animalos a continuar a súa formación musical no Centro Superior de Valga, destacando que se trata dunha institución xa consolidada que, tras sete anos de traxectoria, conta actualmente con máis de 80 alumnos.

A gala estivo conducida por María Domínguez, coordinadora da fase autonómica en Galicia, e contou cun xurado de prestixio para valorar as interpretacións, formado polo pianista e docente Pablo Galdo, o barítono Borja Quiza e a violonchelista Alejandra Díaz Pérez. Entre as autoridades e representantes do ámbito educativo e musical asistiron, ademais do alcalde e da directora xeral, Félix Hazen, en representación da Fundación Hazen-Hosseschrueders; así como a dirección do Centro Superior de Música de Galicia (Galival Music), con Manuel Villar Touceda e Mª Jesús Rey.

O certame Intercentros Melómano cumpre as súas vodas de prata con máis de 5.000 participantes e máis de 500 concertos ofrecidos polos seus gañadores ao longo da súa historia. Inicia nesta edición unha nova etapa da man da Fundación Hazen-Hosseschrueders, que toma o relevo na organización coa misión de acompañar os mozos músicos na transición clave entre o conservatorio e o ámbito profesional. Ademais da vertente competitiva, o concurso reforzou os premios con mentorías, oportunidades profesionais e formación aberta a todo o alumnado inscrito, fomentando o intercambio artístico e o crecemento musical entre os novos intérpretes.

Melomanos2 Melomanos3