- Actuará o sábado 16 de maio ás 19:30 horas con entrada de balde para o público
- Prometen un espectáculo dinámico e sorprendente con obras propias e revisións de clásicos galegos

Valga, 30 de xaneiro de 2026.
O programa +Música da Deputación de Pontevedra abre unha nova edición en Valga. Será o vindeiro 16 de maio, sábado, coa actuación de “The Crass”, a partir das 19:30 horas no Auditorio Municipal.
The Crass é unha formación celta do sur de Pontevedra fundada no 2010. No mesmo ano da súa creación proclamáronse gañadores do concurso do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. No ano 2011 publicaron “Crastañazo”, un álbum co que foron nominados ao mellor directo nos premios “40 Principales”, un disco baseado nas músicas das nacións Celtas, pero co selo e o carácter de "The Crass".
Tras uns anos de maduración, presentan agora o seu novo traballo “Mushroom Problem”, unha homenaxe á esencia musical das nacións Celtas. Co mesmo concepto creativo, o mesmo carácter de sempre e cunha posta en escena renovada, interpretan un repertorio con obras de propia autoría e cunha pequena selección de clásicos galegos adaptados ao estilo do grupo.
Valga será o punto de arranque desta nova xira "Mushroom Problem Tour 26" que percorrerá máis de vinte cidades de toda España, o que supón un novo chanzo arriba para a banda, que segue ampliando súa proxección dentro e fóra do circuíto folk.
Aos irmáns Costas, que lideran o proxecto, acompáñanos no escenario o recoñecido músico e produtor arxentino Federico Welicki (ao baixo) e David Outumuro, un dos bateristas máis destacados do panorama estatal. O grupo complétase con Samuel Fernández, un virtuoso do violín.
Prometen un espectáculo intenso, dinámico e sorprendente, froito da combinación de xuventude e experiencia.

ES
EN