- A Federación pola Igualdade de Pontevedra recoñeceu ao colectivo valgués por máis de 30 anos de actividade “abrindo camiños” para as mulleres
- A presidenta de “Albor”, Begoña Piñeiro, recolleu o sábado o galardón

Valga, 13 de abril de 2026.
A asociación de mulleres rurais “Albor” foi unha das protagonistas da quinta edición dos Premios Mulleres, da Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo), que se entregaron esta fin de semana coma un recoñecemento ás mulleres que, desde distintos ámbitos, contribúen á igualdade e ao desenvolvemento da provincia.
O colectivo “Albor” foi premiado na categoría de “Asociacionismo” polo seu traballo constante e comprometido a favor das mulleres do rural. Nos seus máis de trinta anos de traxectoria “consolidouse coma un espazo de participación, encontro e apoio mutuo, promovendo actividades que fortalecen a igualdade, o empoderamento feminino e a convivencia comunitaria”, destaca a Federación pola Igualdade, que pon á asociación valguesa coma “un exemplo de como un colectivo feminino pode transformar a comunidade e abrir camiños para as mulleres”, contribuíndo, ademais, a “combater o illamento social”.
O acto de entrega de premios celebrouse o pasado sábado e foi a presidenta de “Albor”, Begoña Piñeiro, a encargada de recoller o galardón.
Na gala participou, tamén, a conselleira de Igualdade, Fabiola García, que reivindicou a importancia de impulsar o talento feminino galego como motor de avance dunha sociedade máis comprometida coa igualdade.

ES
EN