Accessibility Tools

Todas

A ANGUÍA FOI A ESTRELA NO PECHE DO “AGOSTO GASTRONÓMICO”, SORPRENDENDO TANTO EN PRATOS SALGADOS COMA DOCES

- O chef Álex Iglesias preparou unha tosta, anguía afumada sobre puré de pataca, un arroz e unha torta como sobremesa

- O sábado, no Parque Dios Mosquera, poderán degustarse de novo tapas de anguía e cócteles con caña

1000053788

Valga, 26 de agosto de 2026.

O Agosto Gastronómico 2026 despediuse onte coa anguía como estrela. O cociñeiro Álex Iglesias volveu poñerse aos fogóns no showcooking “Universo Anguía” para ofrecer unha auténtica masterclass arredor das posibilidades culinarias deste peixe.

O seu sabor intenso e textura característica fan que admita múltiples preparacións (cocida, ao forno, afumada ou integrada en elaboracións máis creativas), permitindo crear contrastes e maridaxes sorprendentes. E precisamente nesa capacidade de combinarse con outros ingredientes estivo unha das claves da sesión. Álex Iglesias puxo en valor a anguía acompañándoa de produtos galegos con selo de calidade coma Pan de Cea, pataca e grelos de Galicia ou Tarta de Santiago.

Durante a preparación dos pratos, o chef explicou aos asistentes algúns dos segredos fundamentais para traballar con este produto. Comezou pola súa limpeza, escaldando a anguía en auga fervendo e fregándoa ben para retirar todo o limo da pel. Tamén compartiu consellos sobre diferentes técnicas de cociñado, coma o afumado. Ata chegou a improvisar na Casa da Caña un pequeno fumeiro doméstico utilizando unha pota e un coador metálico, no que incorporou loureiro e outras herbas aromáticas. Este sistema permite que o fume impregne o peixe e lle achegue un aroma e un sabor particulares.

En canto ao menú, o prato inicial foi unha tosta de pan de Cea con anguía e guacamole de aguacate e mandarina, creando un notable contraste de sabores. Despois, unha anguía afumada sobre crema de pataca de Galicia, rematada cun aceite de ceboliño como aliño. E, para rematar coas elaboracións salgadas, Álex Iglesias preparou un arroz meloso con anguía e grelos, incorporando ao prato unha das verduras máis representativas da gastronomía galega.

Como colofón, o cociñeiro redobrou a súa aposta polas elaboracións doces con anguía. Se a presenza do peixe en pratos salgados xa permitira comprobar a súa versatilidade, a sobremesa puxo o broche: unha Tarta de Santiago con mazá e anguía caramelizadas. A combinación, sorprendente de entrada, acabou conquistando aos asistentes e demostrou, unha vez máis, que este produto admite ata as propostas máis atrevidas.

1000053789

1000053790