- Os participantes visitaron o Centro de Interpretación da Caña para coñecer máis sobre o destilado artesanal deste licor
- A calidade da augardente aporta singularidade ao sector vitivinícola da IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria
Valga, 18 de xuño de 2026.
O potencial vitivinícola, cultural e paisaxístico do territorio que abarca a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Viños da Terra de Barbanza e Iria foi o gran protagonista dunha xornada de enoturismo organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla Umia.
A iniciativa, que tivo en Valga unha das paradas máis significativas, naceu co obxectivo de poñer en valor os recursos locais a través dos itinerarios enoturísticos máis representativos, deixando ao descuberto a singularidade dun territorio no que o mar, os ríos e a chuvia modelaron paisaxes de gran valor e unha tradición vitivinícola que dá lugar a viños de gran calidade e outros produtos derivados coma a caña.
Os participantes nesta xornada visitaron o Centro de Interpretación da Caña do País para incidir na condición da augardente coma un produto altamente valorizado que achega unha singularidade ao sector vitivinícola da IXP Barbanza e Iria. De feito, púxose de manifesto que en casos, coma o de Valga, a sona e a calidade da caña superan á do propio viño.
Nesta liña, explicóuselles aos visitantes a importancia da destilación tradicional da augardente no municipio, afondando na súa historia e nas diferentes variedades de licores que se elaboran artesanalmente a partir do bagazo da uva. Tamén se expuxeron os motivos que impulsaron ao Concello a construír a Casa da Caña, un espazo no que se desenvolven actividades para conservar e divulgar a tradición cañeira de Valga, entendida como parte do patrimonio e da identidade locais.
ES
EN