Accessibility Tools

Todas

OS VECIÑOS DE VILARES E MARTORES DEPOSITARON NO PUNTO LIMPO MÓBIL MÁIS DE 140 QUILOS DE RESIDUOS

- O Concello pide aos usuarios que non deixen lixo fóra dos correspondentes colectores, xa que pode contribuír á proliferación de vertidos

- O traslado do servizo a Eirexe (Setecoros) retrasarase uns días debido a unha avaría

PuntoLimpoMóbilVilares

Valga, 17 de xuño de 2026.

O Punto Limpo Móbil continúa co seu percorrido polas distintas parroquias do municipio, consolidando a súa gran aceptación entre a poboación. Na súa última localización, situada no cruce entre Vilares e Martores (na parroquia de San Miguel), o servizo repetiu os excelentes resultados que xa se acadaran no seu primeiro destino, Casal de Eirigo.

En total, nesta última semana retiráronse máis de 140 quilos de refugallos. Entre o material depositado polos veciños destacaron cristal e espellos (os máis maioritarios), moita roupa e calzado e tamén pilas, residuos metálicos, aparellos eléctricos, filtros de aceite e teléfonos móbiles.

Malia a satisfacción xeral, o Concello quere facer fincapé nunha norma fundamental: os usuarios non poden depositar residuos fóra da caixa do Punto Limpo. Nesta última localización de San Miguel atopáronse varios cristais que algunha usuario deixou no chan, sen introducir no colector correspondente. O goberno local lembra que todos aqueles residuos que non entren na caixa por tamaño ou volume deben levarse ao Punto Limpo fixo, que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde.

Neste sentido, pídese a colaboración e sensibilidade de todos para evitar focos de contaminación. Débese respectar a contorna, xa que o "efecto chamada" de ver lixo no chan pode incitar a que outras persoas sigan realizando vertidos incontrolados.

Cambio no calendario previsto

Ademais, infórmase de que unha avaría impide que o Punto Limpo Móbil estea hoxe en Eirexe (Setecoros), tal e como estaba programado. Proximamente informarase a través das canles municipais sobre as novas datas nas que o servizo se trasladará a esta ubicación. O calendario previsto para as vindeiras semanas será modificado e reaxustado conforme a esta incidencia.

O obxectivo deste servizo gratuíto é facilitar a reciclaxe sen necesidade de desprazarse ata as instalacións fixas. O Punto Limpo Móbil está preparado para recoller ata catorce tipos de residuos domésticos, entre os que se inclúen: poliespan branco, espellos e cristais, aceite doméstico usado, filtros de aceite, roupa e calzado, fluorescentes, bombillas, pilas, móbiles e cargadores, toner de impresoras, siliconas, aerosois, pequenos aparellos electrónicos e pequenos restos metálicos.