· - O céspede, adquirido polo Concello, foi colocado onte por traballadores municipais, persoal do Concello e da Deputación
· - A entidade Provincial acometeu, ademais, tarefas de mantemento, co escarificado e picado do terreo de xogo
Valga, 19 de xuño de 2026.
O campo de fútbol municipal de Baño encara a recta final das súas obras de mellora do céspede natural. Onte á mañá procedeuse á colocación da nova herba, que chegou en rolos adquiridos polo Concello. A intervención centrouse nunha área duns 800 metros cadrados, correspondente ás zonas do campo que se atopaban máis deterioradas debido a problemas de drenaxe.
Os traballos foron executados de xeito conxunto por traballadores municipais e persoal do Cordeiro C.F. —principal usuario das instalacións—, contando ademais coa supervisión directa de técnicos da Deputación Provincial.
Trala colocación da nova herba, estendeuse sobre ela unha capa de area co obxectivo de protexer as xuntas e facilitar unha correcta consolidación do terreo. Durante estas primeiras xornadas, o céspede requirirá dun rego abundante e constante. Estímase que nun prazo de uns dez días se poida realizar xa a primeira corta.
As actuacións no campo de Baño comezaron fai unhas semanas. Nunha primeira fase, procedeuse a levantar o céspede que estaba en mal estado, descompactar a terra e mesturala con area para mellorar a drenaxe.
En paralelo, a Deputación Provincial levou a cabo tarefas de mantemento na totalidade do terreo de xogo. Por unha parte, o escarificado para eliminar as capas de materia orgánica morta acumulada na superficie, estimulando así o crecemento de novos brotes e logrando un céspede máis denso. E tamén o picado, para descompactar a terra, permitindo unha óptima osixenación das raíces e facilitando a absorción de nutrintes.
O concelleiro Álvaro Fernández acudiu onte ata as instalacións para comprobar o devir das obras.
ES
EN