- Estase a actuar en zonas afectadas por bolsas de auga que a herba se atopaba en mal estado
- Concello, Deputación e Cordeiro C.F. colaboran na execución dos traballos

Valga, 5 de xuño de 2026.
Practicamente rematada a temporada futbolística nas principais categorías, o campo de fútbol municipal de Baño sométese a obras de mantemento centradas no coidado da herba natural.
Estes traballos lévanse a cabo en colaboración entre o Concello, propietario das instalación; o Cordeiro CF., principal usuario do recinto; e a Deputación de Pontevedra, que conta cun programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia mediante a achega de maquinaria específica e de persoal cualificado.
A parte central da obra ten como obxectivo subsanar os problemas de drenaxe que arrastraba o campo dende as últimas temporadas e que provocaban que algunhas zonas se encharcaran, co conseguinte prexuízo para a herba natural.
Con maquinaria contratada polo Concello e persoal do Cordeiro procedeuse á marcaxe das zonas afectadas e levantamento do céspede en mal estado. A continuación descompactouse a terra e misturouse con area para acadar unha mellor drenaxe. Todo isto baixo a supervisión dun técnico da Deputación.
Nos vindeiros días recibiranse o novo céspede natural en rolos, adquirido polo Concello, que será colocado por persoal do Cordeiro.
A última fase dos traballos será o mantemento, que correrá a cargo da Deputación, que aportará tanto a maquinaria coma o persoal. Realizaranse, por unha parte, tarefas de escarificado do terreo de xogo para eliminar capas de materia orgánica morta acumulada na superficie e estimular o crecemento de novos brotes. Deste xeito acádase un céspede máis denso.
E, por último, o picado da superficie para descompactar a terra e permitir a osixenación das raíces, mellorar a drenaxe e facilitar a absorción de nutrintes.

ES
EN