- O Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para investir 153.520 euros neste proxecto
- Colocarase un novo pavimento de pedra para mellorar a accesibilidade ao templo románico
Valga, 8 de xuño de 2026.
O procedemento para contratar as obras de acondicionamento da contorna da igrexa parroquial de Campaña está en marcha. O proxecto licitouse a pasada semana e as empresas teñen de prazo ata o vindeiro 29 de xuño para presentar ofertas coas que poder optar á execución dos traballos, valorados en 153.520 euros.
Para levar a cabo esta actuación de posta en valor do patrimonio local, o Concello e Turismo de Galicia asinaron un convenio de colaboración. As obras centraranse na humanización dos arredores da igrexa de Santa Cristina, co obxectivo de mellorar a accesibilidade ao templo románico.
Retirarase o actual pavimento asfáltico para substituílo por outro de pedra. Tamén está prevista a colocación de mobiliario, traballos de xardinaría e a sinalización da zona con prioridade peonil. Ademais, colocaranse as canalizacións para un futuro soterramento das liñas aéreas de servizos.
A igrexa de Santa Cristina data do século XII e está formada por unha única nave dividida en tres tramos por dúas parellas de columnas e ten, coma outro dos elementos característicos, un arco triunfal de medio punto aberto no muro da nave. A fachada conserva a portada románica.
A sancristía atópase nunha nave lateral construída con posterioridade e o campanario atópase exento, nunha torre de planta cuadrangular. Erixiuse a finais do século XX despois que un raio destruíra o anterior.
No interior destacan as pinturas murais que decoran a cabeceira do templo e que datan do século XVI e que foron restauradas no ano 2014. Representan escenas coma a Anunciación do arcanxo San Gabriel a María.
Ademais, na zona do cemiterio atópanse unha cruz de granito e un cruceiro do século XX.
ES
EN