Accessibility Tools

Bandos Municipais

O PROGRAMA MUNICIPAL DE CONCILIACIÓN BOTOU A ANDAR CON 72 RAPACES PARTICIPANTES NA PRIMEIRA QUENDA

- En total, cubríronse 247 prazas correspondentes a 125 usuarios diferentes

- As actividades desenvólvense no colexio Baño-Xanza de luns a vernes en horario de 8:30 a 14:30

EVXullo1

Valga, 2 de xullo de 2026.

As actividades de conciliación de verán organizadas polo Concello deron comezo esta semana cun total de 72 participantes nesta primeira quenda de xullo.

Os rapaces, con idades a partir dos 3 anos, aproveitaron estas xornadas iniciais para realizar xogos e dinámicas de presentación para facilitar a integración do grupo que, hoxe mesmo, comezará a traballar a temática elixida para esta edición: a igualdade. Ademais, nas vindeiras xornadas, tamén desenvolverán actividades coma o pintado dun mural, xogos de imitación, un paseo sensorial, un escape room, creación de xoguetes e, nestes días calorosos, festa da auga para refrescarse.

Este programa municipal está orientado a facilitar a conciliación das familias no período estival a través dunha proposta educativa, fomentando valores como a igualdade, tolerancia e respecto, pero sen esquecerse da parte lúdica e de ocio, para axudar aos menores á socialización e ao seu desenvolvemento persoal. As actividades desenvólvense nas instalacións do colexio Baño-Xanza en horario de 8:30 a 14:30 de luns a venres.

Habilitáronse un total de 360 prazas distribuídas en catro quendas durante os meses de xullo e agosto. Finalmente cubríronse 247 prazas, correspondentes a 125 nenos diferentes. Na segunda quincena de xullo están inscritos 86 rapaces; na primeira de agosto, 48; e na última, 41.

EVXullo2 EVXullo3