Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Queda desestimada a denuncia presentada contra o alcalde e os dous funcionarios polo exconcelleiro das Mareas, Manuel Castiñeiras

- O xulgado afirma que a denuncia só estaba baseada en “xuízos de valor totalmente subxectivos”

RPMarea1

Valga, 15 de marzo de 2024.

Unha nova resolución xudicial reforza ao equipo de goberno e ás figuras do secretario e do interventor municipais e bota por terra a espiral de denuncias iniciada no seu día polos grupos da oposición. Neste caso concreto trátase dunha denuncia do exconcelleiro das Mareas Manuel Castiñeiras na que acusaba ao alcalde e aos dous funcionarios citados de prevaricación. Este asunto está xudicializado dende o ano 2019 e o Concello vén de recibir a notificación do auto da Audiencia Provincial que desestima o último recurso presentado polo denunciante e avala o arquivo das actuacións dictado no seu día polo Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Caldas.

Esta denuncia, hai que recordar, fora anunciada a bombo e platillo polo entón líder de En Marea, Luis Villares, falando da existencia dunha trama de corrupción no Concello de Valga e acusando de delitos gravísimos tanto ao equipo de goberno coma ao secretario e ao interventor, dos que dicían que cobraban dietas irregulares. Pero o xulgado deixou claro nas súas sucesivas resolucións que dos feitos denunciados só eran “afirmacións e xuízos de valor totalmente subxectivos e sen ningún indicio probatorio”.

Os autos xudiciais fan fincapé en que a cobertura dos postos de secretario e interventor en réxime de acumulación foi autorizada pola Xunta de Galicia, e que o cobro de dietas denunciado xa fora obxecto de anteriores pronunciamentos por parte dos tribunais do Contencioso-Administrativo, que tampouco atoparon ningunha irregularidade. Ademais, engade que o Tribunal de Cuentas concluíu que eses pagos en concepto de dietas “teñen cobertura legal e non supuxeron vulneración algunha da normativa”.

En consonancia do defendido polo Concello, o xulgado de Caldas e a Audiencia Provincial deixan claro que o Tribunal de Cuentas “é o supremo órgano fiscalizador do sector público” e que “a resolución dictada por este é incompatible coa comisión de infracción penal algunha”. Pola contra, o Consello de Contas de Galicia, que no seu día emitiu un informe contravindo as conclusións do Tribunal de Cuentas, “é un órgano de carácter consultivo” e os seus informes “non son vinculantes”, senón que tan só conteñen “observacións e recomendacións”.

Sobre os outros asuntos que incluía a denuncia, referentes a supostas irregularidades nun contrato de reforzo administrativo e na composición dunha mesa de contratación, o pronunciamento xudicial é o mesmo: non hai nada ilegal.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo e Malena Isorna compareceron esta mañá ante os medios de comunicación para dar conta desta resolución. O rexedor lamentou que durante os últimos anos "tiveramos que sufrir esta persecución total, que non é do agrado de ninguén aínda que tiñamos a tranquilidade de que todo o estaba ben feito. O que sucedeu en Valga penso que non ten precedentes en ningún outro concello de Galicia, pero sentímonos orgullosos e satisfeitos de que todas as sentencias estean a avalar o traballo deste equipo de goberno".

RPMarea2 RPMarea3

 

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver