Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Bello Maneiro estivo acompañado polos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo

- O rexedor local agradeceu o papel que xogaron o Concello e os cañeiros de Valga na evolución dos seus licores

PratComte1

Valga, 10 de outubro de 2023.

O alcalde, José María Bello Maneiro, encabezou a delegación municipal valguesa que a pasada fin de semana se desprazou á localidade tarraconense de Prat de Comte para asistir á XX edición da Festa da Augardente. A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, acompañaron ao rexedor nesta visita ao pobo da bisbarra da Terra Alta, co que Valga mantén intercambios dende principios dos anos 2000, cando se celebrou a primeira edición da festa que agora se ten convertido xa nunha tradición.

Daquela, un grupo de veciños e representantes valgueses, do que formaban parte varios cañeiros, desprazáronse a Prat de Comte por vez primeira para explicarlles aos produtores como se destila a augardente en Valga. O sistema local foi ‘adoptado’ polos veciños da localidade e é o que agora empregan para destilar o seu licor.

A augardente é destilada polos propios veciños nas súas vivendas, que durante as xornadas festivas se converten en stands aos que acode o público para degustar os licores. A delegación valguesa así o fixo, achegándose aos 15 puntos de destilación que se habilitaron nesta edición e percorrendo o campo da feira no que tamén había doces, artesanía e música en vivo e unha concentración de vehículos clásicos, entre outras actividades. Os edís tamén asistiron a unha conferencia sobre destilado de diferentes variedades de licores noutras zonas de Cataluña.

Entre os actos máis protocolarios, estivo a recepción de autoridades na Casa do Concello, presidida polo alcalde de Prat de Comte, Miquel Trilla, e na que estaban, ademais, a tenente de alcalde Montse Viña, a deputada por Tarragona Silvia Puerto, o delegado territorial e outros alcaldes da comarca.

Neste acto, Bello Maneiro entregoulle a Miquel Trilla unha botella conmemorativa da última edición da Mostra da Caña do País e recibiu, do rexedor local, unha placa do XX aniversario da súa festa.

Xa pola noite, Bello Maneiro, Gómez e Calvo participaron nunha cea de confraternidade con máis de catrocentos comensais na que Miguel Trilla agradeceu publicamente o papel xogado polo Concello e os cañeiros de Valga na posta en valor da súa festa e na evolución do seu produto.

Durante a fin de semana tamén compartiron momentos co exconcelleiro Marc Viña que, xunto co exalcalde Joan Ramon Pallarés, foron os primeiros que hai máis de vinte anos se puxeron en contacto con Valga para establecer relacións entre ambos municipios.

PratComte2 PratComte6

          PratComte4                       PratComte5

PratComte3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver