Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Na actividade formativa tamén comprobaron os efectos do cambio climático a través do glaciar Mer de Glace, no macizo francés do Mont Blanc

- O Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía permite ao instituto desenvolver proxectos de investigación en colaboración coa universidade

IESAceleradorPartIculas

Valga, 25 de setembro de 2023.

Un grupo de vinte e catro estudantes do Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach) do IES de Valga participaron a pasada semana nunha viaxe científica a Suíza e Francia, que tivo como principais actividades unha visita ás instalacións da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) e o estudo do glaciar Mer de Glace e da cima Aiguille du Midi, no macizo francés do Mont Blanc, onde puideron comprobar os efectos do cambio climático.

Na visita á Organización Europea para a Investigación Nuclear, os estudantes tiveron a oportunidade de afondar na súa formación ao respecto da física nuclear, coñecendo de maneira directa o funcionamento dun acelerador de partículas así como as principais liñas de investigación que se están a desenvolver na institución, que xestiona o maior laboratorio de investigación en física de partículas a nivel mundial.

A viaxe, dunha duración de tres xornadas, desenvolveuse entre os días 21 e 23 de setembro.

Con anterioridade, o alumnado STEMBach do IES de Valga xa visitara o Centro de Bioloxía Molecular “Severo Ochoa” de Madrid, diversas entidades de interese científico en Bruxelas e viaxaran ao arquipélago portugués de Madeira para realizar un estudo de xeomorfoloxía volcánica.

Bacharelato STEM

O IES Plurilingüe de Valga pertence ao pequeno grupo de centros que forman parte do Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach). O alumnado deste programa desenvolve un proxecto de investigación dirixido por profesorado universitario, e pode facer uso das instalacións da universidade para a realización dos experimentos. Neste caso, a Universidade de Santiago de Compostela foi a entidade coa que colaborou o instituto.

No pasado curso foron presentados os primeiros proxectos realizados polo alumnado valgués. Trátase de “Construción dun ollo miope”, dirixido por Justo Arines (Facultade de Óptica), “Análise xeoespacial de fontes de datos medioambientais”, dirixido por José Ramón Ríos (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CITIUS), “Obtención e caracterización de derivados antraquinónicos da folla do sen” e “Obtención e caracterización dos fenois da esencia de tomiño” dirixidos por Reyes Laguna e Dolores Viña (Facultade de Farmacia), e “Estudo da reacción de saponificación: transformando graxas en xabóns”, dirixido por Diego Peña (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS).

No curso actual, estanse a desenvolver novos proxectos de investigación como “Análise xeoespacial de fontes de datos medioambientais: Comparación MOHID co CTD” ou “Explorando as membranas das células do cancro con química computacional”, e vaise abrir unha nova vía de excelencia en artes, humanidades e ciencias sociais.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver