Herramientas de Accesibilidad

O CONCELLO IMPULSA A FORMACIÓN SOCIOSANITARIA CUN CURSO GRATUÍTO DE ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENCENCIA

- Impartirase entre os días 6 e 10 de xullo en horario de mañá e hai dispoñibles quince prazas

- As inscricións poden realizarse nas oficinas de Servizos Sociais, por teléfono ou correo electrónico

 

Valga,17 de xuño de 2026.

O departamento municipal de Servizos Sociais organiza un curso gratuíto de “Atención a persoas en situación de dependencia”, unha formación teórico-práctica que ten como finalidade dotar aos participantes dos coñecementos, habilidades e competencias imprescindibles para facilitar a súa inserción laboral nun sector cunha demanda crecente, como é o das empresas de servizos asistenciais e as entidades do terceiro sector que prestan atención en materia de servizos sociais.

A actividade, de carácter presencial, contará cunha duración total de 20 horas estruturadas en catro sesións. As clases desenvolveranse nas instalacións do Auditorio Municipal e, ao finalizar a formación, os participantes obterán un diploma acreditativo expedido polo propio Concello de Valga.

A coordinación xeral do programa estará a cargo de Francisco Javier Gómez González, traballador social do Concello, graduado en Traballo Social e docente acreditado de formación profesional para o emprego. Co obxectivo de ofrecer unha visión integral e multidisciplinar, a docencia será compartida con profesionais especializados do Centro de Día e do Centro de Saúde de Valga, quen achegarán a súa experiencia directa no eido sociosanitario.

O curso consta de tres módulos:

Módulo 1: Marco normativo e rol profesional: Impartido polo traballador social Francisco Javier Gómez, abordará unha introdución detallada á Lei de Dependencia, as pautas de funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como aspectos esenciais de ética profesional e habilidades sociais aplicadas.

Módulo 2: O traballo práctico no domicilio: Desenvolvido por persoal do Centro de Día de Valga, incidirá en técnicas esenciais de mobilización e ergonomía, hábitos de hixiene, aseo, alimentación e ferramentas eficientes para a organización do fogar.

Módulo 3: Primeiros Auxilios: A cargo do persoal do Centro de Saúde de Valga, capacitará ao alumnado en soporte vital básico, xestión e uso correcto do botiquín, e atención ante as feridas e lesións máis comúns.

O curso impartirase entre os días 6 e 10 de xullo, en horario de mañá de 9:30 a 13:30 horas. As prazas están limitadas a un máximo de 15 participantes, tendo prioridade persoas que se atopen en situación de desemprego e que estean empadroadas en Valga.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 2 de xullo para formalizar a súa inscrición. O trámite pode realizarse de xeito presencial nas oficinas do departamento municipal de Servizos Sociais, a través do teléfono 986 55 94 56 ou enviando os seus datos ao enderezo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..

CursoAtenciónDependentes1