- O acto de presentación incluíu un faladoiro coa Asociación Albor, recoñecida nos Premios FEMUPO 2026
- No coloquio falouse sobre a traxectoria do colectivo e as experiencias das dúas integrantes

Valga, 14 de outubro de 2026.
O Auditorio Municipal acolleu onte a presentación da exposición itinerante “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, impulsada pola Federación Pola Igualdade das Mulleres da provincia de Pontevedra (Femupo). O acto contou cun formato participativo que incluíu un encontro con integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Albor, entidade recoñecida nos Premios Mulleres FEMUPO 2026.
Un dos principais obxectivos desta iniciativa é amosar que os referentes femininos non teñen por que ser figuras afastadas ou de recoñecemento global. Nas vilas e no medio rural existen mulleres que, co seu traballo diario, a súa participación social e a súa capacidade de organización, están a contribuír á transformación das súas comunidades.
“Poñer ás mulleres referentes no foco é un gran paso. Pero é aínda máis importante cando podemos escoitar as súas propias voces, coñecer como foi o seu camiño e descubrir que os referentes tamén están moi preto de nós”, sinalou a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, que asistiu ao acto de onte.
A exposición itinerante está composta por sete paneis: un primeiro panel inaugural que explica a orixe e o propósito do proxecto; cinco paneis correspondentes ás edicións dos Premios Mulleres FEMUPO celebradas entre 2022 e 2026; e un último panel dotado con códigos QR que permiten acceder a contidos dixitais e recursos audiovisuais.
A mostra reúne o testemuño e a traxectoria de mulleres, colectivos e entidades recoñecidas en eidos tan diversos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración e o asociacionismo. Trátase de ámbitos moi diferentes pero todos con capacidade para abrir camiño e servir de inspiración para a sociedade. A exposición permanecerá en Valga durante unha semana.
Un encontro para poñer voz ao asociacionismo feminino
Trala presentación da mostra, celebrouse un faladoiro participativo coas integrantes de Mulleres Rurais Albor. No encontro, as protagonistas compartiron a súa experiencia, a traxectoria do colectivo e o significado de formar parte da entidade, permitindo achegarse ás súas historias desde unha perspectiva persoal e poñendo en valor o papel do asociacionismo feminino no rural.
Durante o acto, Begoña Piñeiro, presidenta de Albor, subliñou o labor que o colectivo leva desenvolvendo ao longo de 33 anos, "tecendo lazos invisibles entre mulleres". Piñeiro destacou que "a asociación non é só organizar actividades, é compañeirismo e saber que as demais están aí". Pechou a súa intervención con un xogo de palabras a partir do nome do colectivo, definindo ALBOR como o acrónimo de mulleres “Activas, Libres, Brillantes, Optimistas e Reais”.

GL
EN