Herramientas de Accesibilidad

A HISTORIADORA DE TOMIÑO NATALIA JORGE PEREIRA GAÑA AS DÚAS MODALIDADES DO PREMIO DE INVESTIGACIÓN FERRO COUSELO

- O traballo “Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño” é o vencedor na primeira modalidade

- Na segunda, plantexa una análise sobre a fame en Valga durante os anos da posguerra (1939-1952)

Natalia Jorge2

Valga, 30 de xullo de 2026.

A historiadora Natalia Jorge Pereira (Tomiño 1982) é a gañadora do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. E por partida dobre, xa que o xurado declarouna vencedora nas dúas modalidades do certame con dous traballos relacionados tanto temporal como tematicamente. É a primeira vez que se dá esta circunstancia nas vinte e sete edicións que se levan celebrado.

Na primeira modalidade, dotada cun premio de 4.000 euros, a obra galardoada é “Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño”. Este traballo afonda no fenómeno do comercio ilegal na Raia do Miño durante a década de 1940, proxectando unha radiografía das mercadorías, dos lugares e das persoas aprehendidas polas forzas de vixilancia e control do Estado. Tamén analiza o que supuñan para a Raia as políticas ditatoriais dos réximes de Franco e Salazar, cal foi a resposta das poboacións e que papel xogou este espazo no contexto da Segunda Guerra Mundial.

O xurado destacou, nas súas deliberacións, o gran traballo de historia oral que hai nesta investigación, así como ben documentada que está.

No referido á segunda modalidade do premio (unha bolsa de estudos por valor de 3.000 euros) a proposta de Natalia Jorge Pereira foi “Fame na Valga da posguerra? Análise histórica dun concello rural durante a autarquía (1939-1952)”. Para a historiadora tomiñesa Valga é unha localidade axeitada para esta análise xa que reúne condicionantes para posteriores traballos comparativos con outras zonas. Trátase dun concello rural carente dun núcleo urbano no seu entorno máis inmediato, cunha base social de pequenos labregos propietarios e cunha economía de subsistencia baseada na agricultura, gandería e explotación forestal. Por outro lado, fica apartado da Raia, onde o contrabando serviu de recurso para paliar as dificultades. O obxectivo da investigación que propón é descubrir ata onde chegou a fame nesta época e como foi afrontada pola poboación rural do interior pontevedrés.

Natalia Jorge é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese “Actitudes e comportamentos sociais nos concellos fronteirizos de Tomiño e Cerveira ante as ditaturas de Franco e Salazar na década de 1940”, coa que acadou o Cum Laudem. Está especializada no estudo das zonas fronteirizas, o contrabando, a emigración e as identidades na Raia galego-portuguesa do Miño. En 2024 xa fora galardoada co premio Xohana Torres na categoría de ensaio e investigación co traballo “Formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño”.

O xurado desta XXVII edición do Premio Xesús Ferro Couselo estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago;  Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago, na que é mestra de Historia Contemporánea e membro do grupo de investigación “Histagra”; e Fátima Braña Rey, profesora de Antropoloxía Social na Universidade de Vigo.

Reuníronse o pasado día 28 na Casa do Concello, acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez e a técnica municipal Vanessa Losada. O seu fallo faise público coincidindo co 120 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo.