ADMISIÓN DE ALUMNADO NOS CENTROS EDUCATIVOS DE INFANTIL, PRIMARIA, ESO E BACHARELATO

A Consellería de Educación restableceu a comezos de maio o procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato para o curso académico 2020/21. Este prazo quedara suspendido o pasado 14 de marzo, cando se declarou o Estado de Alarma a consecuencia da pandemia do coronavirus Covid-19.

O restablecemento deste proceso leva parella a adaptación das fases posteriores, modificando e axustando as datas de xeito que os centros e o profesorado poidan preparar con normalidade o novo curso e se minimicen así as consecuencias para familias, alumnado e centros, logo da situación excepcional de emerxencia sanitaria que motivou a súa paralización. Así mesmo, garántese que o alumnado teña asignada a praza no centro que lle corresponda e poida formalizar a súa matrícula dentro do período ordinario anual que establece a normativa reguladora..

Os novos prazos do procedemento son os seguintes:

- Presentación das solicitudes de admisión de alumnado: iniciarase o día 11 de maio e rematará o día 18.

- Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.

- Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.

- Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.

- Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.

- Formalización da matrícula en Educación Infantil e Primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.

- Formalización da matrícula ordinaria en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.

Por motivos de saúde pública é preferible que os trámites se realicen de forma telemática, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (sede.xunta.gal), identificándose coa chave 365, certificado dixital ou DNI electrónico. O código do procedemento é ED550B.

Os centros educativos valgueses tamén dan a opción de presentar as solicitudes presencialmente cando non sexa posible realizalo por vía telemática. 

Descarga da solicitude de admisión

 

boton cemit

Volver