- Os participantes visitarán a igrexa de Campaña, o xacemento Mercado dos Mouros e a praia de Vilarello, entre outros enclaves

- O percorrido, de dez quilómetros de lonxitude e con saída dende o Belén Artesanal, é de dificultade media-baixa

gozaulla2017

Valga, 14 de agosto de 2018.

O Concello de Valga ten aberto o prazo de inscrición na ruta de sendeirismo “O val do Ulla”, que terá lugar o vindeiro 8 de setembro dentro do programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o valioso patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río.

A ruta “O val do Ulla, con saída dende o Belén Artesanal, ten dez quilómetros de lonxitude de dificultade media-baixa. Os sendeiristas visitarán o lugar de Souto, onde se conserva unha singular ponte de pedra de orixe medieval sobre o río Valga. Chegarán despois á igrexa románica de Campaña, con campanario exento, que alberga unha reliquia de Santa Cristina e valiosas pinturas murais do século XVI.

Seguindo pola ribeira do Ulla, os camiñantes adentraranse no Mercado dos Mouros, un xacemento romano a través do que se poden chegar a coñecer os costumes, usos e aproveitamentos dos galaicos que alí viveron entre o século I a.C. e o IV d.C. Os restos aparecidos durante as escavacións arqueolóxicas revelan que era un lugar moi vencellado ao comercio. Con todo, a peculiaridade do lugar ten más que ver coa súa localización, no que antano foi un pequeno illote no río Ulla.

A seguinte parada da ruta terá como escenario a praia fluvial de Vilarello, onde os participantes farán un pequeno descanso antes de achegarse á igrexa de Santa Comba de Cordeiro. No seu cemiterio está enterrado un dos valgueses máis ilustres, o investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga a quen se dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1996.

Alí tamén descansan os restos doutro veciño ilustre do municipio, intelectual e gran defensor do galego: o Pai Isorna. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e publicou numerosos textos relacionados coa espiritualidade e tamén con Galicia. Asi mesmo, exerceu durante décadas como delegado diocesano de Medios de Comunicación Social do Arcebispado de Santiago.

As persoas interesadas en participar na camiñata poden inscribirse tanto na Casa do Concello coma no Auditorio Municipal ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Recoméndase levar roupa e calzado cómodos e adaptados á climatoloxía, e o teléfono móbil cargado. Ademais, solicítase aos sendeiristas que observen a flora e a fauna sin danala nin arrincala e que recollan todo o lixo para non contribuír a degradar estes lugares de gran valor natural e patrimonial.

boton auditorio

boton casa cultura

boton codi

boton sede electronica

boton bandos

boton youtube largo

boton rueiro

boton directorio

boton radio

boton tempo

Volver