- As obras financiáronse cunha axuda da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta
- As instalacións municipais abren os luns en horario de mañá e os xoves pola tarde
Valga, 16 de xaneiro de 2026.
As instalacións do Punto Limpo contan, dende fai unhas semanas, con novas dependencias e espazos que permitirán mellorar a xestión dos diferentes tipos de residuos que se reciben no recinto e reforzar os servizos ambientais que se prestan a nivel municipal.
As obras de mellora e ampliación levadas a cabo a finais de 2025 supuxeron, por unha parte, a ampliación da zona de almacenamento de residuos perigosos que, pola súa categoría especial, requiren de maiores garantías no seu proceso de separación e reciclaxe, evitando que acaben depositados nos contedores habituais. Aumentouse a capacidade de recollida deste tipo de residuos, habilitando unha zona de almacenaxe máis grande, segura e eficiente. Pasouse de poder almacenar unhas 50 toneladas de refugallos perigosos a contar co dobre de capacidade.
A segunda obra que se levou a cabo foi a construción dunha edificación pechada destinada á autorreparación no marco do proxecto “Fai que Valga”. Esta iniciativa, posta en marcha no verán de 2024, fomenta a reutilización, arranxo de obxectos e participación cidadá na redución de residuos, seguindo os principios da económica circular.
Ante o bo funcionamento do servizo e a crecente demanda por parte dos usuarios, fíxose necesaria a creación dun espazo funcional, cuberto e adaptado cunha zona de traballo e unha área para o desenvolvemento de actividades.
A colaboración entre o Concello e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta posibilitou a execución destas obras, a través dunha orde para a concesión de axudas para actuacións en materia de residuos de competencia municipal. O investimento total ascendeu a 178.322’87 euros.







