- A psicóloga do CIM ofreceu unha charla sobre os recursos contra a violencia que as mulleres teñen ao seu alcance

- Alumnado do IES de Valga asiste mañá no Auditorio ao espectáculo teatral “Golpes”

PasoPeóns25N 1

Valga, 23 de novembro de 2021.

“Contra o maltrato, tolerancia cero” é o lema que se pintou no paso de peóns situado fronte ao Auditorio Municipal con motivo das actividades conmemorativas do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o 25 de novembro.

Esta iniciativa, que se reproducirá en datas próximas noutros lugares do municipio, enmárcase dentro da campaña “Municipios tolerancia cero”, á que o Concello se adheriu a finais do mes de outubro coa aprobación no Pleno e por unanimidade dunha moción do grupo de goberno. Trátase dunha chamada á mobilización social contra a violencia de xénero e en apoio das vítimas.

A través desta moción o Concello comprometeuse a levar a cabo unha serie de actividades para concienciar sobre a lacra social que supón a violencia machista, sendo unha delas precisamente a de pintar mensaxes nalgúns pasos de peóns, como agora se está levando a cabo.

Valga é o primeiro concello de Galicia adherido a esta campaña.

A programación da Concellería de Igualdade e Benestar Social con motivo do 25-N tivo onte, ademais, outra cita no Auditorio Municipal: a charla “Accións e recursos contra a violencia de xénero”, dirixida a mulleres de Valga e doutras vilas da contorna e foi impartida pola psicóloga do Centro de Información á Muller, Belén Gavín. “Comentamos os diferentes tipos de violencia con exemplos” e con apoio de imaxes e pezas audiovisuais “sobre mulleres que superaron este tipo de situacións e pasaron de ser vítimas a sobreviventes”, explica experta.

“Sobre todo centramos moito a actividade en dar a coñecer os recursos que as mulleres teñen ao seu alcance a nivel municipal (o CIM ou os Servizos Sociais) e outros coma a Garda Civil, os centros de saúde ou o teléfono da muller (016)”.

No tocante ao CIM, explicáronse os servizos que ofrece, principalmente orientados ás mulleres en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, aínda que tamén se atenden outras problemáticas de índole familiar ou laboral e se presta apoio psicolóxico e xurídico a outros colectivos que o demanden.

Este centro, que ten a súa sede no CODI, presta servizo polas mañás de 8:00 a 15:00 horas e polas tardes de luns a xoves, entre as 16:00 e as 19:00 horas. Os luns, mércores e xoves está a psicóloga, Belén Gavín, e os martes a avogada, Ángela Fernández. Esta última, tamén ofrece asistencia xurídica os venres pola mañá, de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, o centro tamén abre os dous primeiros sábados de cada mes de 10:00 a 12:00.  Así mesmo, está dispoñible a liña telefónica 636 75 79 69.

Este é un servizo completamente gratuíto no que se respectan a confidencialidade, o anonimato e a privacidade das persoas usuarias.

Por último, a charla abordou “as accións, que podemos facer ou como darnos conta de se unha muller do noso entorno pode estar vivindo unha situación de violencia. Que indicios nos deben facer sospeitar e como acompañar ás vítimas cando sae á luz un caso de violencia”.

As actividades divulgativas e de concienciación contra a violencia de xénero continúan mañá coa representación no Auditorio do espectáculo “Golpes”, ao que asistirá alumnado do IES de Valga.

PasoPeóns25N 2 Charla25N

boton auditorio

boton edificio usos admin

boton casa cultura

boton codi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bandos

boton bella otero

boton rueiro

boton tokapp

boton directorio

Boton Obradoiro

boton tempo

Volver