- Son impartidas polo club Río Ulla, co obxectivo de fomentar este deporte entre os máis novos
- Os rapaces realizan xogos e actividades lúdicas, sempre co baloncesto como trasfondo
Valga, 7 de xullo de 2021.
O pavillón municipal de Baño acolle dende comezos do mes de xullo unha nova actividade deportiva na que colaboran o Concello de Valga e o club Río Ulla. Son sesións de baloncesto nas que participan un total de 27 nenos nados entre os anos 2007 e 2015. A inmensa maioría, ata 24, son veciños de Valga e os tres restantes proceden doutras localidades veciñas.
A actividade impártese os martes e xoves pola mañá, con sesións de dúas horas, e prolongarase ata finais do mes de agosto. Ten un carácter lúdico, á vez que se fomenta a práctica do deporte entre os máis novos. “Queremos que veñan a entreterse e propoñémoslles diferentes xogos sempre co baloncesto como trasfondo”, explican os adestradores Serafín Maneiro, “Finso”, e Ismael Llerena.
Máis da metade dos inscritos son novos no baloncesto, polo que dan por cumprido un dos obxectivos desta iniciativa: que os rapaces coñezan este deporte e se afeccionen a el. “Esta colaboración co Concello de Valga é unha oportunidade para que o club expanda a súa actividade e para facer un traballo de iniciación ao baloncesto con estes rapaces que nos axude a captar xogadores para o club. Algúns destes nenos poden acabar incorporándose á disciplina do C.B. Río Ulla e pasar a competir a nivel federado”, auguran.