Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Iván Leis, natural de Negreira, foi seleccionado por Estados Unidos no ano 2016 para representar a España no Programa de Xóvenes Emprendedores Trasatlánticos. Trala súa participación nesta iniciativa promovida polo presidente Barack Obama decatouse da importancia e necesidade de crear unha plataforma que axudase aos mozos e, especialmente, ás mulleres a acadar os seus soños. Naceu así a organización sen ánimo de lucro Women Who Walk the World, que traballa para orientar, apoiar, asesorar, potenciar e fomentar os valores das nenas, adolescentes e mulleres no territorio nacional e internacional.

Unha das actividades que están a organizar terá lugar en Valga, onde queren reunir a unhas cincocentas rapazas nunha xornada sobre o empederamento da muller.

DSC 0460

- En que consistirá esta xornada e cando vai a celebrarse?

- A actividade estaba prevista para este mes de febreiro, se ben a última hora algúns centros educativos comunicáronnos a súa imposibilidade de acudir, polo que estamos a buscar outra data cara o verán. O obxectivo é causar un impacto na vida de 500 nenas e mozas de entre 15 e 18 anos de idade, dicirlles que non teñen limitacións de ningún tipo nin polo feito de ser mulleres nin por ter nacido nunha zona rural. Só teñen que pensar o que queren e loitar para conseguilo rompendo todas as barreiras, entre elas a desigualdade de xénero e as barreiras familiares. Non poden deixarse levar polo que a súa familia e amigos lles digan que teñen que ser, senón facer o que a elas lles guste.

- Vostede reside en Norteamérica, é comparable a situación da muller alí e en España en canto á desigualdade de xénero?

- A desigualdade de xénero é un problema global que, desafortunadamente, existe en todos os países. Pode comprobase nos grandes cumios mundiais ou en actos de nivel, nos que é moi raro ver a mulleres nas mesmas esferas que aos homes. Temos intención de actuar tamén en Estados Unidos, especialmente coa poboación latina feminina, que sofre moita máis desigualdade que a poboación nativa. Podería dicirse que padece unha dobre discriminación polo feito de ser mulleres e latinas. Ademais, a maioría delas abandonaron os seus soños para acompañar aos seus maridos en Estados Unidos, e esa é unha realidade moi triste. Tamén é certo que a gravidade da situación non é a mesma en todos os países e que a cidadanía se está a decatar de que é necesario cambiar esta realidade. Cada vez máis homes son conscientes do problema e esa é outra das nosas misións como sociedade. Por unha parte, empoderar ás mulleres e, por outra, a educación masculina. Ata que a mentalidade dos homes non cambie será moi difícil rematar coa desigualdade.

- Neste sentido, cre que as actividades que promoven poden servir de axuda para atallar problemáticas tan graves como a violencia de xénero?

- Neste caso aínda hai que outorgarlle unha maior importancia á educación masculina poque as culpables non son elas, somos nós, entre outras cousas por crernos máis válidos que as mulleres. Un dos motivos polos que dicidimos facer as xornadas só para mozas é porque se comportan de maneira totalmente diferente cando están soas e cando están con rapaces. Hai que ter en conta que a violencia de xénero non comeza aos 50 anos, mastícase dende pequenos cando o día da festa túa nai pon a mesa e túa prima lava os pratos mentras teu pai está xogando a partida. É un tema que debe traballarse dende a infancia e non só nos centros educativos, senón tamén na casa.

- Como xorde a organización Women Who Walk The World?

- A idea de crear a fundación xorde a través dun programa piloto que se desenvolveu en Negreira durante tres anos. O Concello decidiu crear un punto de información para a axuda ao peregrino e dende a miña empresa propuxemos que, en lugar de ser nós os que o xestionaramos, se dera capacidade aos mozos de facelo. Entendemos que era máis importante darlle a eles ese privilexio e ese poder e, de feito, hoxe en día o punto de información séguese xestionando con eses voluntarios. Asinouse un convenio coa Xunta de Galicia e coa Universidade de Santiago de maneira que os estudantes universitarios recibían créditos de libre configuración e, por outra banda, a Xunta dáballes unha pequena retribución económica.

- E de Negreira deu o salto a Estados Unidos, que sucedeu?

- A principos do ano 2016 o presidente Obama lanzou o Programa de Xóvenes Líderes Transatlánticos, que daba a oportunidade a emprendedores de Europa e Euroasia de ir a os Estados Unidos para desenvolver os seus proxectos. Eu fun seleccionado como representante de España. Do meu paso por ese programa saíron dous proxectos nos que agora traballo. Por unha parte, a fundación Women Who Walk The World, coa que pretendemos facer o mesmo que en Negreira pero orientado ao mundo da muller. Despois das investigación e estudos que levei a cabo dinme conta de que existe unha desigualdade de xénero importante e pregunteime que podía facer eu para transformar esa realidade, cal podía ser a miña aportación á sociedade neste sentido. Por outro lado, xurdiu a iniciativa do Camiño de Santiago Film Festival, que quere crear unha ponte intercultural entre Galicia e os Estados Unidos, co fin de posicionarnos en América cunha imaxe e, ao mesmo tempo, potenciar o turismo e ofrecer unha oportunidade para que as empresas distribúan alá os seus produtos.

DSC 0458

- Durante o programa de xóvenes emprendedores, tivo a oportunidade de coñecer ao presidente Obama?

- A mediados do ano 2016 invitoume á embaixada americana en Madrid e tiñamos previsto entrevistarnos e falar sobre o emprendemento en España. Pero producíronse uns conflictos raciais en Estados Unidos e tivo que regresar ao seu país, polo que quedei a expensas de poder conversar con el. A vida é longa e espero ter a oportunidade noutro momento. Despois do programa de xóvenes emprendedores si que asistín a un cumio de emprendemento mundial que tivo lugar na Universidade de Stanford (California) e ao que asistiu tamén o presidente Obama. Alí tiven a oportunidade de coñecer a xente, mulleres na súa gran maioría, e informarme sobre outras organizacións como a miña, por exemplo a da propia Michelle Obama, dirixidas a empoderar ás mulleres máis xóvenes para que poidan facer o que realmente soñan. Se ben Michelle actúa en países subdesenvolvidos e con carencias educativas intentando que a vida das mulleres non dependa das decisións que tomen os homes, eu adáptome ás necesidades de España e, en concreto, de Galicia nun intento de facer ver que o lugar no que un nace non pode condicionar o futuro. Só hai que ter claro a meta á que se quere chegar e saber como acadala. Os galegos somos moi humildes nese sentido, necesitamos a alguén que crea en nós e nos diga que podemos logralo. Facento un símil co Camiño de Santiago, haberá etapas que sexan duras e complicadas pero é reconfortante chegar á Praza do Obradoiro porque esa é a meta. Hai que saber a onde se quere chegar, a ser avogada ou política, e aínda que sexa duro, cando o logres sentiraste reconfortada contigo mesma.

- Falou da súa vinculación co presidente Obama pero, que opina de Donald Trump e as súas actitudes con respecto ás mulleres?

- Donald Trump no só é unha persoa machista, senón seguramente tamén homófobo e racista. Dende o punto de vista dos latinos e hispanos está a crear un conflito enorme cos “dreamers”, querendo deportalos ao seus países de orixe. No tocante ao tema da muller, o seu machismo está a enxalzar a figuras como Oprah Winfrey, que na gala dos Globos de Ouro pronunciou un discurso polo que foi moi ovacionada e co que todo o mundo quedou impresionado. Con isto quero dicir que as actitudes de Trump poden supoñer un estímulo para que saian moitas persoas en defensa dos dereitos das mulleres e dos grupos minoritarios.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver