Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Pleno aprobou o proxecto para crear un embarcadoiro en Campaña e a solicitude de ocupación do dominio público a Costas

- Na sesión ordinaria deuse conta da liquidación do orzamento de 2017, cun remanente de tesourería de 471.454’94 euros

carreteras

Valga, 15 de maio de 2018.

O Pleno aprobou na tarde de onte cos votos favorables do equipo de goberno un cambio de destino de 400.000 euros da Caixa de Anticipos que, inicialmente, se tiñan reservado para as obras do edificio administrativo. A Deputación de Pontevedra denegou ao Concello a subvención solicitada para este proxecto, o que imposibilita dar continuidade e rematar as obras do inmoble nestes momentos. É por iso que se solicitou un cambio de destino desa partida: 55.872’20 euros investiranse no Parque Irmáns Dios Mosquera e 344.127’80 na mellora e reparación de estradas municipais.

Na sesión ordinaria deuse conta á Corporación da liquidación do orzamento de 2017, exercicio que se pechou cun remanente de tesourería de 471.454’94 euros. Aprobouse, tamén cos votos do grupo de goberno, unha modificación de créditos para incorporar eses fondos ao presuposto de 2018. En concreto, 230.000 euros investiranse en mobiliario, 82.000 distribúense entre distintas partidas orzamentarias e os restantes 159.454’94 destínanse á reparación de camiños.

Deste xeito, sumando as dúas partidas da Caixa de Anticipos e do remanente de tesourería, o Concello investirá durante este ano 503.582’74 euros na mellora de estradas de titularidade municipal que se atopan en malas condicións para a circulación debido ás continuas chuvias caídas durante este inverno.

Quedou aprobado, igualmente, o proxecto para a creación dun embarcadoiro en Campaña destinado, fundamentalmente, ao seu uso por parte de embarcacións turísticas. As obras, que executará Portos de Galicia e contan cun orzamento de 255.970’88 euros, consistirán na instalación dun pantalán de 42 metros de longo con pavimento de madeira e varanda de aceiro inoxidable. Ao final da pasarela colocarase unha plataforma flotante de 24 metros de longo por 3 de ancho. Esta plataforma será a que permita o atraque dos catamaráns. O entorno será acondicionado con pavimento de adoquín e habilitarase un acceso por estrada. Ademais do proxecto, aprobouse solicitar á Xefatura Provincial de Costas do Estado autorización para a ocupación de terreos do dominio público marítimo-terrestre. O alcalde, José María Bello Maneiro, indicou que o obxectivo do goberno é atraer a Valga cantos máis visitantes mellor, xa que iso reportará ingresos aos comercios e establecementos de hostalería locais. “Non queremos que os turistas veñan só tomar un café, senón que estén en Valga, alo menos, 24 horas”, dixo.

Na orde do día figuraba, por outra parte, a modificación de varias ordenanzas fiscais. Hai meses o Pleno xa aprobara a adhesión do Concello ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a iniciativa “Concellos doing business”. Dentro deste protocolo, modifícanse as ordenanzas xa en vigor para introducir bonificacións fiscais que contribúan a atraer e a fixar empresas en Valga.

Por último, na sesión deuse conta da execución trimestral do orzamento relativa ao primeiro trimestre de 2018, que cumpre a regra da estabilidade orzamentaria, e tamén do período medio de pago a proveedores. Aprobáronse, ademais, por unanimidade dúas mocións do grupo socialista rexeitando a sentenza de “La Manada” e para mellorar a cobertura de internet no municipio.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver