Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os participantes visitarán a ponte de Souto, o Mercado dos Mouros e a praia de Vilarello

- O percorrido, de dez quilómetros de lonxitude, é de dificultade media-baixa

gozaullaa

Valga, 10 de maio de 2018.

O Concello de Valga participa un ano máis no programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o valioso patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río ao longo dos seus 130 quilómetros dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.

O programa coas rutas de sendeirismo propostas polos vinte concellos participantes foi presentado esta mañá en Vilagarcía, nun acto ao que asistiu en representación de Valga a concelleira Begoña Piñeiro.

“O val do Ulla”, de dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-baixa, é a ruta deseñada para que este ano valgueses e visitantes volvan a gozar do río e do patrimonio vencellado a el. Percorrerase o día 8 de setembro con saída das instalacións do Belén Artesanal.  Os sendeiristas visitarán o lugar de Souto, onde se conserva unha singular ponte de pedra de orixe medieval sobre o río Valga. Chegarán despois á igrexa románica de Campaña, con campanario exento, que alberga unha reliquia de Santa Cristina e valiosas pinturas murais do século XVI.

Seguindo pola ribeira do Ulla, os camiñantes adentraranse no Mercado dos Mouros, un xacemento romano a través do que se poden chegar a coñecer os costumes, usos e aproveitamentos dos galaicos que alí viviron entre o século I a.C. e o IV d.C. Os restos aparecidos durante as escavacións arqueolóxicas revelan que era un lugar moi vencellado ao comercio. Con todo, a peculiaridade do lugar ten más que ver coa súa localización, no que antano foi un pequeno illote no río Ulla.

A seguinte parada da ruta terá como escenario a praia fluvial de Vilarello, onde os participantes farán un pequeno descanso antes de achegarse á igrexa de Santa Comba de Cordeiro. No seu cemiterio está enterrado un dos valgueses máis ilustres, o investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga a quen se dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1996.

Alí tamén descansan os restos doutro veciño ilustre do municipio, intelectual e gran defensor do galego: o Pai Isorna. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e publicou numerosos textos relacionados coa espiritualidade e tamén con Galicia. Asi mesmo, exerceu durante décadas como delegado diocesano de Medios de Comunicación Social do Arcebispado de Santiago.

gozaulla

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver