- Á vista deste feito o goberno local de Valga insiste en que foi unha decisión “politizada e arbitraria”

- O Concello solicitou o 17 de novembro poder estudar o expediente, sen que ata o de agora obtivera unha resposta da Deputación

edificio

Valga, 10 de xaneiro de 2018.

A comisión de avaliación dos proxectos que optaban ás “subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos. Concellos de menos de 20.000 habitantes” da Deputación Provincial estivo presidida polo secretario xeral do PSOE de Pontevedra, David Regades Fernández, que ademais é deputado provincial do grupo socialista e concelleiro do PSOE en Vigo. Non foi por tanto unha “comisión técnica”, como di a presidenta da Deputación, a que avaliou os proxectos, senón unha comisión política. Á vista destes feitos, o goberno local de Valga insiste en que a decisión de denegar a subvención para o edificio administrativo estivo “politizada” e foi “arbitraria”.

Por iso, o Concello de Valga presentou un recurso de reposición contra a decisión da Deputación de desestimar a solicitude dunha axuda de 849.022,94 euros para o proxecto “Remate do edificio de usos administrativos e acondicionamento da praza Vicente Cousiño”, cun orzamento total de 1.061.276,67 euros. O recurso sostén que esta foi unha decisión “contraria a dereito” tendo en conta as bases reguladoras das subvencións. “O Concello de Valga presentou en forma e prazo a subvención” de acordo con estas bases, conclúe o recurso.

Para o goberno municipal resulta revelador que aínda que as axudas non foron aprobadas polo Pleno ata o día 24 de novembro, o día 15 –sen que a sesión estivese nin sequera convocada- a presidenta e o vicepresidente da Deputación xa as divulgaron nos medios de comunicación. O 17 de novembro o Concello de Valga presentou un escrito ante a Deputación solicitando poder estudar o expediente e “a día de hoxe aínda non tivemos resposta”, lamenta o alcalde, José María Bello Maneiro. “Esta é a transparencia da que presumen”, engade.

Contido do recurso de reposición

Segundo as bases reguladoras a convocatoria dirixíase á execución de equipamentos e dotacións municipais na provincia de Pontevedra, cun máximo dunha única actuación por concello de menos de 20.000 habitantes e para investimentos cuxo importe terá que ser superior o que lle corresponde na liña 1 do Plan Concellos 2017. Inclúense equipamentos socio-culturais, administrativos, deportivos, de ocio e lecer e outros; construción de novos equipamentos municipais; remodelación, reforma, rehabilitación, adecuación de edificios destinados a usos de equipamento municipal ao servizo de toda a cidadanía; e reforma ou adecuación de prazas, paseos, alamedas, que deben garantir o seu uso por toda a cidadanía. O proxecto presentado polo Concello de Valga adecúase a estas esixencias tanto no referido ás obras a realizar como no tocante ao importe da subvención (849.022,94 euros).

A Deputación apunta como un motivo de desestimación que “o proxecto achegado non cumpre co contido de proxecto básico”, cando en realidade no só cumpre senón que excede o contido mínimo esixido para un proxecto básico segundo o Código Técnico da Edificación. Segundo este código os contidos mínimos dun proxecto básico son: memoria, planos e orzamento. O proxecto presentado inclúe todos estes contidos e, a maiores, outros apartados propios dos proxectos de execución, como a xustificación do cumprimento da normativa aplicable, pregos de condicións, estudo básico de seguridade e saúde, plano de carpinterías interiores e planos de instalacións.

A Deputación de Pontevedra ampárase tamén na afirmación de que non se presenta documentación da urbanización da praza, pero “o feito mesmo de que nos motivos de exclusión fale desta urbanización é canto menos indicativo de que proxecto cumpre coa obriga de identificar con precisión e claridade o investimento solicitado”, engade o recurso. Ademais, a memoria do proxecto reflexa a pavimentación da praza, así como a instalación dunha nova fonte de pedra cuxa situación e urbanización circundante se reflicte nun dos planos. Os materiais a empregar e demais especificacións tamén aparecen na documentación.

Por último, entre os argumentos para desestimar a solicitude do Concello de Valga a Deputación afirma que “o proxecto non supón unha mellora substancial no equipamento existente, senón que se limita á súa redistribución e equipamento”. Pois ben, o proxecto si supón unha mellora substancial. Tal é así que permitiría dar uso e contido ao edificio de usos administrativos, de forma que poida albergar no seu interior distintas dependencias municipais como o xulgado, a Policía Local ou unha biblioteca, cumprindo deste xeito co compromiso que mantén o Concello de ofrecer aos veciños uns servizos municipais de calidade. Ademais, a reforma da praza Vicente Cousiño xeraría un novo espazo libre e de ocio, na actualidade apenas utilizado, e garantiría o seu uso por toda a cidadanía.

boton auditorio

boton casa cultura

boton codi

boton sede electronica

boton bandos

boton youtube largo

boton rueiro

boton directorio

boton radio

boton tempo

Volver